"Os músicos asumen máis o seu papel de artista que o seu papel de traballador"

Actuación dunha orquestra CC-BY-NC-ND A.Vacarisses

O pasado venres representantes de CIG, CCOO, UGT e CSIF e da Asociación Galega de Orquestras (AGO) como parte empresarial asinaron o primeiro convenio colectivo do sector das orquestras de verbena. Un acordo cualificado de "histórico" que vén ordenar unha profesión pouco e mal regulada, na que os traballadores e traballadoras carecían dalgúns dereitos básicos. 

O convenio chega despois de décadas de traballo sindical nun sector no que en ocasións resultaba difícil convocar e mobilizar os seus traballadores e traballadoras. O Sindicato Galego da Música (SGM), posteriormente Sindicato Galego do Espectáculo (SGE), tivo un papel fundamental neste labor, con algunhas figuras destacadas, como Benedicto García Villar, Ángel García Seoane Gelo, Moncho Varela, Cruz Andrade, Antón Rodríguez, Pablo Morán ou Xosé Ramón Santomil. Falamos con Santomil, dirixente do SGM nos anos 80, sobre a importancia do convenio asinado o pasado venres, e a evolución nas últimas décadas dos dereitos laborais dos e das integrantes das orquestras.

Cando comezaches a túa actividade como músico e como sindicalista?

Incorporeime ao equipo de dirección Sindicato Galego da Música en 1980, xa levaba uns anos afiliado. Daquela tocaba nunha orquestra, que se dedicaba a facer verbenas no verán e a actuar en salas de festas durante o inverno.

"Nos oitenta non había unha empresa que contratase os músicos, senón que nos xuntabamos e contratabamos directamente as actuacións, coas comisións de festas e as salas. Funcionabamos como unha cooperativa, aínda que informal"

Neses anos cales eran os principais problemas que tiñades os músicos? A situación era mellor ou peor que a actual?

Daquela había outro tipo de problemas, algúns que hoxe en día xa non se dan. Pero pode que a situación sexa mesmo peor agora. Nos anos oitenta non había unha empresa propiamente dita que contratase os músicos, senón que os músicos xuntabámonos e contratabamos directamente as actuacións, coas comisións de festas e as salas. Funcionabamos como unha cooperativa, aínda que informal.

"Apareceu a figura dos axentes de contratación, que acudían ás comisións de festas para ofrecer as actuacións dunha serie de grupos que levaban en carteira"

Cando mudou esa situación?

A situación cambiou nese momento, nun proceso que xa comezara uns anos antes. Apareceu a figura dos axentes de contratación, que acudían ás comisións de festas para ofrecer as actuacións dunha serie de grupos que levaban en carteira. Mesmo así, nesa época o número de axencias era moi reducido, podía haber 15 ou 20 en toda Galicia, como moito. Despois o número aumentou moito e tamén se incrementou a comisión que cobraban, que podía ser dun 10% inicialmente e que despois subiu a un 15% ou a un 20%. Ata chegar á situación actual, nas que as axencias se converteron en propietarias das orquestras, e son elas as que contratan os músicos e fixan os seus salarios.

"En 1985 publicouse un Real Decreto que deixaba claro que os músicos eramos traballadores por conta allea. Ata ese momento considerábase que o músico era un autónomo"

En que centrábades a loita sindical naqueles anos?

Ata o ano 1985 había unha grande indefinición nas relacións laborais dos músicos coas comisións de festas e as salas que os contrataban. Ese ano publicouse un Real Decreto que deixaba claro que os músicos eramos traballadores por conta allea. Ata ese momento considerábase que o músico era un autónomo, e polo tanto obrigábannos a darnos de alta na licencia fiscal, o que hoxe sería o IAE, e mesmo o pagamento da cota da autónomos. O Sindicato de Músicos de Galicia, xunto con outros sindicatos pelexamos para que se aprobase ese decreto, que foi un gran avance. Despois seguimos presionando, sobre todo para manter esa contratación directa coas comisións de festas e concellos, queriamos evitar que proliferase a figura do intermediario.

Desa situación inicial, na que funcionabades case como unha cooperativa, pasastes a depender dunha serie de empresas, pero a situación para os músicos non mellorou. Por exemplo, á hora de cotizar á Seguridade Social...

Nos 80, as orquestras constituídas como empresas en Galicia contábanse cunha man, o que non quere dicir que non funcionasen como tales. Nos anos 80 e 90 os músicos cobrabamos a repartir: do que cobrabamos pola actuación descontabamos os gastos de gasolina e demais e o que quedaba repartiámolo. Despois, coas axencias de contratación, o sistema comezou a ser distinto, en teoría con algunhas vantaxes: os músicos pasaban a estar contratados pola axencia, a  cobrar un soldo mensual. Pero moitas veces a práctica era outra: a empresa só funcionaba como intermediaria, cobraba unha comisión e o músico só cotizaba os días que actuaba, e curiosamente a empresa que cotizaba por el non era a axencia, era moitas veces a comisión de festas. Aquilo era a lei da selva. É precisamente o gran cambio que introduce este convenio: hai unha relación estable e cotízanse todos os días que o músico está contratado, como todos os traballadores.

"A empresa só funcionaba como intermediaria, cobraba unha comisión e o músico só cotizaba os días que actuaba"

Confías en que o convenio cambie isto?

O cambio non sei se vai ser inmediato para todos, pero a curto ou medio prazo vai clarificar moitísimo estas situacións. Agora hai interlocutores válidos: as empresas están constituídas como tales. O convenio axuda a ordenar o negocio das festas en Galicia, que é un negocio moi importante.

"Os músicos asumen máis o seu papel de artista que o seu papel de traballador. E iso cando es novo está ben, pero despois tes unha familia e tes que organizar a túa vida e tes que reclamar que un traballo é un traballo, tes que reclamar que tes uns dereitos" 

Un sector que dá traballo a case 5 mil persoas... Como é que estas situacións se mantiveron ata agora?

Neste momento debe haber unhas 400 orquestras en Galicia, iso move moita xente. O problema sempre foi que este é un sector moi disperso, non é fácil convocar os traballadores. Cada un está nun sitio, móvense moito, con horarios moi distintos... E ademais os músicos asumen máis o seu papel de artista que o seu papel de traballador. E iso cando es novo está ben, pero despois tes unha familia e tes unha xubilación e tes que organizar a túa vida e tes que reclamar que un traballo é un traballo, tes que reclamar que tes uns dereitos. Para min o convenio é moi importante, despois de estar tantos anos de traballo dende o sindicato, superando obstáculos. É unha alegría ver que por fin se acadou este obxectivo.

 

Actuación dunha orquestra CC-BY-NC-ND A.Vacarisses

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.